O pasado xoves 6 de novembro visitamos o proxecto Floresta Flores, cultivo agroecolóxico de flores en Gondomar!
“Traballei moitos anos no mundo da moda e acabei cunha depresión enorme polo estrés que me provocaba. Cando enfermou a miña nai decidín cambiar de vida. Empecei co proxecto de Floresta Flores hai 2 anos”, contounos Alba, produtora!


“Cultivo eu todas as miñas flores, de xeito agroecolóxico, sen tratamentos nin abonos químicos. Elixo flores pouco coñecidas pero que se adapten ben ao clima das Rías Baixas”, contounos, e fixo fincapé na importancia que teñen as redes sociais para a venda da súa produción:
“Dedícolle moitas horas ao Instagram porque vendo a metade da miña produción por esta canle. Paréceme imprescindible o feito de vender localmente porque así é unha forma de que os cartos queden no territorio e creen riqueza.”


A actividade forma parte do proxecto #RedeLabregaViva -proxecto de intercambio de coñecementos entre mulleres labregas no rural-, organizada pola Asociación Punto Delas, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, e o financiamento da Deputación de Pontevedra.

