Políticas Públicas

Lei de dependencia

A asociación Punto Delas reivindica a agroecoloxía e economía feminista e pon a vida no centro recoñecendo o papel fundamental das mulleres nos coidados, imprescindibles para soster a vida.
Moitas mulleres do rural teñen algunha persoa dependente na casa e teñen que asumir esta gran carga de coidados sen ningún recoñecemento, moitas veces dificultando a súa propia vida laboral, social e cultural.

Dende a asociación Punto Delas, defendemos un sistema público de dependencia e de discapacidade xunto coa Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade, que alerta sobre a media actual de espera para obter a axuda de dependencia na Galiza, sendo de 388 días. Pero máis alá de pedir unha axuda para engadir aínda máis carga nas mulleres que coidan na casa, queremos que a xestión das residencias sexa plenamente pública, incluída a provisión dos coidados.

Lei de titularidade compartida

Dende a asociación Punto Delas defendemos o recoñecemento legal do traballo das mulleres nas leiras, e defendemos un modelo xusto onde os ingresos e dereitos laborais son iguais entre mulleres e homes. A titularidade compartida é unha figura xurídica dos proxectos agrícolas á que poden acollerse aquelas parellas que comparten o traballo e xestión do proxecto. Esta figura permite que a administración, representación e responsabilidade da granxa sexa das dúas persoas titulares, fomentando a igualdade entre ambas.

A asociación Punto Delas fai un labor de sensibilización e información das mulleres en canto á existencia desta figura xurídica, por desgraza aínda moi pouco coñecida e posta en práctica con só 42 proxectos rexistrados en Galiza, cando Galiza é a comunidade autónoma con máis mulleres á cabeza de proxectos agrícolas.