O pasado 16 de xullo en Pazos de Borbén tivemos a oportunidade de participar nun enriquecedor obradoiro de elaboración de pan de masa nai da man de Belén, da Horta do Cadaval, que leva máis de 14 anos elaborando e comercializando pan artesanal no mercado 4Ponlas, en Pontevedra.
Ao longo da xornada afondamos nos principios da panadaría tradicional, coñecendo de primeira man a importancia do fermento nai e o seu proceso de elaboración e mantemento. Tamén reflexionamos sobre a calidade das fariñas e a relevancia de empregar cereais adaptados ao noso territorio, como os trigos do país, o centeo ou variedades como o kamut, analizando as súas características, propiedades e posibilidades na elaboración de pans de alta calidade.
O obradoiro combinou contidos teóricos e prácticos, permitindo ás participantes elaborar o seu propio pan seguindo todo o proceso. Como broche final, cada unha levou para a casa un pan xa cocido, ademais doutro preparado para rematar de cocer, podendo así continuar a experiencia no fogar e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.
Foi unha actividade moi ben valorada polas participantes, que puxo en valor os saberes tradicionais, a importancia dos produtos de proximidade e a recuperación de técnicas artesanais ligadas á alimentación e ao patrimonio rural.
🟣 A actividade forma parte do programa 𝘋𝘢 𝘵𝘦𝘳𝘳𝘢 á 𝘮𝘦𝘴𝘢: 𝘴𝘢𝘣𝘦𝘳𝘦𝘴 𝘦 𝘴𝘢𝘣𝘰𝘳𝘦𝘴 𝘤𝘰𝘮𝘱𝘢𝘳𝘵𝘪𝘥𝘰𝘴 que organiza a Asociación Punto Delas co financiamento da Deputación Pontevedra.





