

Pasamos a tarde do 17 de xuño coñecendo a Horta do Cadaval, a produción hortícola e a diversificación en Reboreda (Redondela). Estamos emocionadas polo que alí vimos! Belén Fervenza contounos que comezaron a cultivar hai 20 anos. O barrio do Cadaval era un barrio de labregas e gandeiras, onde ela se criou. Estudou bioloxía e a medida que avanzada vía que este mundo estaba desaparecendo.
“Elixín eu facer este traballo de labrega. Cultivamos, traballamos a terra e a nosa vida é a horta”, díxonos! Ademais do traballo na horta, Belén está comezando a vender flores. “Sempre tiven as flores presentes na miña vida e sentín que tiña que cultivalas. Aquí hai abellas felices e eu son tamén feliz entre as flores”.
Belén Fervenza: “Neste barrio as veciñas e os veciños xúntanse para facer traballo en conxunto. A min encantaríame facer rede. Hai que volver a recuperar as redes. Cando empezamos coa formación chamada “Bokashi” o invernadoiro estaba cheo de herbas. Despois cando empezamos o curso, o feito de traballar xuntas emocionounos e axudounos un montón. Hai que facer comunidade”.





