'Cultivando sen laboreo: visita dunha horta comunitaria rexenerativa'

‘Cultivando sen laboreo: visita dunha horta comunitaria rexenerativa’, en Barro (Pontevedra)

#RedeLabregaViva!

O 21 de outubro tivo lugar a xornada ‘Cultivando sen laboreo: visita dunha horta comunitaria rexenerativa’, en Barro (Pontevedra).

“Comezamos con moito escepticismo porque o terreo era moi pobre. Pensabamos que non ía saír nada, aos quince días sen regar xa había vida. Aí entendemos que isto funciona…foi emocionante!”, contounos Elena Buceta, veterinaria do rural en defensa preventiva e coordinadora a horta comunitaria rexenerativa na Escola de Agudelo (Barro).

O proxecto naceu dun curso de horta ecolóxica e acabou converténdose nun espazo compartido de coidado da terra e de aprendizaxe colectiva. Na actualidade colaboran 12 persoas nun único terreo, sen parcelas individuais, e con técnicas totalmente respectuosas co solo: non se cava, non se remexe a terra. Só se corta a herba e se planta directamente enriba, mantendo o solo cuberto e vivo. “Acabouse o sachar, isto é vida”, din tras ver os resultados.

A horta funciona con moi poucos coidados: durante o verán, chega con ir cada quince días e facer quendas de rega tres días por semana. Sen necesidade de forza física, sen inversión económica, accesible para calquera. “O esforzo é mínimo, non dá traballo ningún. Vale para todo o mundo”, resume Elena.

“Trátase dun proxecto de horta que ten dos fins: aprender a facer as cousas doutra maneira e socializar, que tamén e outra parte moi importante”, resalta a coordinadora.

A vontade do grupo/ participantes e manter viva a iniciativa no tempo, seguir formándose e medrando como colectivo explorando novas técnicas e incluíndo a quen se queira sumar. Non se trata só de cultivar, senón de recuperar unha maneira de estar xuntas de coidar o chan e o territorio e de reconstruír comunidade desde abaixo.

Como di Elena: “Retomamos a esencia da aldea”.

Actividade organizada pola Asociación Punto Delas, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, e o financiamento da Deputación Pontevedra.